Nós, que cremos ser e non somos
senón instrumentos canalizados por vontades que nos sobrepasan,
existimos desde un acontecer breve,
coma foulas que se moven polos camiños do ar, sorprendidas polo vento.
Teño que escribir de alguén a quen quero ben e polo tanto vou ser conscientemente parcial e subxectivo, aínda que non me importe que se note, pois chegamos a moitas realidades razoando e contradicindo teorías.
Mato é como é. E a min gústame que Mato sexa así. Por ese mesmo motivo hai quen non o comprende. Gusto do seu ánimo conciliador, o seu desmedido entusiasmo que acende mil proxectos aínda que despois vaian amodo ou nin sequera vaian, escandalizados nunha cólera inapreciable de latencia sosegada que agarda mellor momento.
Mato é un home comprometido e polémico. Eu aprecio aos polémicos, porque son eles os que fan funcionar o mundo. Son os que espertan a mansedume e a deixadez. Eles non deixan quedar a un quedo e fascínannos a cada intre.
Moitos critícano por exercer en galego. Que ben fai estar cos seus, mentres outros esqueceron a súa orixe. Din que ten moito entusiasmo e que despois se queda. Que é moi crítico. Eu tamén sei de tantos que nin sequera se ilusionan, nin teñen proxecto, nin saben qué dicir. Din que tarda, que é moi neutro. Eu sei que é quen de descifrar os verdadeiros desexos e cumprilos. Ás veces é quen de descifrar mesmo os misterios. E por iso é feliz e desprende felicidade. Nada ten, mais ten de abondo para estar tan satisfeito. Está conforme, nin máis nin menos. Mentres outros morren para ambicionar. El non, porque ten valor e forza para encarar os silencios e os problemas. A pouco que vos acheguedes a el, saberedes que non ten maldade, non ten sitio para ela. É incapaz de facer mal. Por iso algúns lle fixeron tanto dano e lle causaron tanto sufrimento, traidores de tantas cousas, posuidores de tantos desagradecementos. Sen un reproche pola súa parte. Ah, e descubriredes que é un home sinxelo e cheo de soños, que os fará realidade vencendo todas as dificultades. Nunca estará do lado dos vencedores e por iso, e é unha virtude que o honra, é así de singular e único. Gústalle escribir dando razóns, para así enfrontarse a elas. Claro que é crítico! Porque non dorme en vaguidades. Consólase postulándose contra a maquinaria toda do modernismo destrutor, esa que tanto pesa globalizando e aniquilando os signos identificadores. É modesto en modos e maneiras. Venlle de familia, e dígoo porque coñezo e coñecín á súa familia xa nos seus devanceiros. Xentes que apenas quixeron ocupar sitio nin sequera facer sombra, pero que no seu paso humilde deixaron transcender o sorriso, a tenrura e o amor. Lembro á nai de Mato coa súa voz sosegada e tranquilizadora, coa súa man esforzada no traballo, tendida para buscarnos. Aquela man que sempre nos bendicía como nunha singradura solemne e litúrxica, chea de verdadeiro afecto, cando nos tirabamos a algún baleiro.
Agora, Mato, Don Xesús Mato e Mato, o cura incómodo, o cura festeiro, o cura emprendedor, vendido aos pobres, aos “minus”, …o cura meu amigo, o sempre amigo dos meus amigos, cumpre 75 anos. Leva toda unha vida ao servizo dos demais. Cincuenta anos dando exemplo e vintecinco nas entrañas mesmas do País, á par da xente da Montaña.Van máis de 40 que levamos andando camiños, imos e eu quero dar testemuño de sabernos xuntos, aínda que fose en moitos erros e nos non escasos acertos, mesmo de coñecer amigos fabulosos e outros que, traidores, fabulan. Despois destas vaguidades, quero que saiban que o teño por un compañeiro e irmán, na nobreza dos da loita cotiá e de dar a cara. Sen el o meu vivir –estou seguro- sería distinto e moito máis tristeiro.
Xuntos, …neste vivir
E cando miro para atrás que ben te vexo.
Segues agochado nese sentimento limpo de gratitude á paisaxe física
e a toda a paisaxe humana. Aquela dos contornos preferidos
que gardamos na memoria, xunto aos máis íntimos versos,
nalgún lugar das entrañas. E veñen connosco, latentes,
os recordos daquel tempo. E, ás veces, volvemos irremediablemente a eles,
e na soidade evocamos, …tanto os botamos en falta,
ao seu recendo, ao seu segredo entre néboas, ao seu dormente soño,
a ese tempo xa pasado que os converte en turquesas, con brillos de color tenue
cando se acenden nas sombras entre os pétalos da lembranza,
onde a nostalxia enche tantos ocos e silencios, querendo gañar momentos,
…miramos atrás con ansia, Arroupados nos amigos, no camiño de seguir,
no que xuntos, seguiremos. Xuntos nesta xuntanza. Xuntos neste vivir.
Xuntos e satisfeitos. Xuntos e agradecidos, … como outros non souberon.