Liberdade de diagnóstico e tratamento para falar de Xesús Mato Mato

Resulta difícil falar dunha persoa coma, Xesús Mato. E moito máis cando me dixeron “tes liberdade de diagnóstico e tratamento”, como se iso fose unha vantaxe, pois non, resultou ser un gran inconveniente. Por este motivo non me daba posto a elo, coa idea de participar nesta homenaxe. Despois de escoitar  “a voz da miña conciencia”, en varias ocasións,  facéndome recordatorio da miña pereza, a vez que informalidade, quixen analizar esta  e cheguei a varias conclusións despois dun análise que confeso non fixo faia fose moi fondo. Eu sabía perfectamente o motivo polo que non me puña a escribir.Resulta difícil expresarse cando median os sentimentos.

A primeira conclusión era espantar o meu temor do que escribise, pois a D.g. a miña humilde participación non ía ser decisiva nesta empresa, que esperaba estivese a altura do seu destinatario, o que supuña que o listón estaba moi alto.

Espantado o medo, inicial, o segundo era cousa de ir pondo orde as ideas, anécdotas  e vivencias que se amoreaban na miña cabeza, xunto con sentimentos e máis as emocións, gardadas no corazón. Isto non é tarefa doada, como se da organización do territorio se tratase, habería que empregar unha metodoloxía ¿por onde empezar? Decidín empregar métodos de mercadotecnia e facer un “torveliño de ideas”

Pero despois viña o máis difícil escoller entre o anotado no paso anterior, isto resultaba máis peor aínda, do que eu supuxera.

Coñecín a Mato alá polos anos 70 ... ¡uf! Galicia canta o neno, Fuxan, o Colexio do Santísimo ...

Foi... xa non recordo ben o ano cando organizou aquela ruada para recuperar unha historia xa case esquecida na montaña, de irlle roubar a leña o cura  na véspera da festa... ¿eeé? ¿Cántos anos van? Mellor non sabelo, que importancia ten. Foi onte, na memoria dos que o vivimos foi onte.

Recordo cando traballamos naquel proxecto chamado “Tremiñado” co Mini, o Mero ... entre outros.

Tamén lembro nunha ocasión na Teixeira .... en Busnullán ... Hospital da Condesa,  no Poio, en Paradela, Portomarín ... en ... en ... e en ...  son tantas e tantas ocasións.
¡Xesús! Será posible, tantas lembranzas (cada unha coas súas historias diferentes) bos ratos e outros non tan bos ... e sempre Xesús Mato detrás. Facendo sen facer, facendo facer, facendo e deixando facer, facendo ... Isto parece un xogo de palabras, non o é. É Xesús Mato.

O que máis me impresionou sempre de Xesús Mato é que antes de cura (do que él presume) é unha persoa, en todo o sentido da palabra. Coas súas dúbidas, non, non me refiro a iso, coas súas querenzas, non tampouco, coas súas ...  É unha persoa, ademais de ser humano, unha persoa despois de ser un individuo, unha persoa antes ca cura.  Un ser humano por que pertence a esa especie, un individuo por que ademais de pertencer a especie humana foi medrando, tomando conciencia e transformouse nunha forma individual de ser (individuo) pero segundo di o “axudador” Jorge Bucay en El camino de la autodependencia, unha persoa é máis aínda ser persoa, implica certas renuncias, certas adquisicións e moito traballo persoal. Por desgraza eu coñezo moitos seres humanos,  moitos individuos, pero poucas persoas. Xesús Mato é unha delas.

Cando andaba nestas xurdiume unha dúbida, que estaba por riba das outras moitas que tiña ¿cómo se podería definir a miña relación con Xesús Mato?

Recordei o libro El Mundo amarillo  de Albert Espinosa,  director da película Planta 4ª na que conta a súa experiencia como adolescente enfermo de cancro. No libro fala de varios tipos de relación entre as persoas, facendo unha nova e interesante aportación que transcribo de seguido:

“AMARELO. Definición; dise daquela persoa que é especial na túa vida. Os amarelos encóntranse entre os amigos e os amores. Non é necesario velos a miúdo ou manter contacto continuado con eles."

Agora vén a pregunta: ¿Xesús Mato será un meu amarelo? Recordei que cando o coñecín un pouco máis asaltáronme os seguintes interrogantes é ¿está cordo? ¿a súa tolemia  acada un grao patolóxico? ¿será un iluminado? Será entón unha guía o igual que di aquel canto de Reis da Montaña:

“guiados por una estrella
que alumbrada luz nos da”

O malo (mellor dito o bo) do asunto é que sexa o que sexa (tolemia, iluminación ... ) resulta contaxioso. A min aconteceume, despois comezar a miña relación con él, pasei a cambiar no xeito de pensar de velas cousas. Pasei a padecer  a súa enfermidade, quizais non tan aguda. A enfermidade da querencia pola cultura, polo seu coñecemento, pola súa vivencia e pervivencia.

Agora asáltanme novas interrogantes esta tolemia ¿será crónica? ¿contaxiareina eu tamén os que están a miña beira? ¡pobres!

Recordo tamén ter lido na obra citada de Albert Espinosa, que se cres nos sonos, estes crearanse. Vou facer de profeta , con permiso, os sonos que  Xesús Mato sementou xa, creáronse ... algúns están xermolando, outros agardan baixo a terra que pase o inverno para xermolar e florecer, outros madurecen xa e dan froito .... Do que estou ben seguro o igual que di a cantiga de Fuxan os ventos  “Sementar sementarei, loguiño ei de clarear, en tanto no pobo medre ...” Apesares de que nas aldeas non quedan xa apenas nenos somos moitos os nenos das urbes que cremos no que o pai Mato nos ensinou.

En definitiva dáme o mesmo o que sexa: o meu amigo, o meu amarelo, o miña fonte de contaxio, o meu guía, a miña estrela. O importante é que apareceu na miña vida, que puxo luz no meu camiño, que xa  está a súa imprente marcada na miña vida para sempre, polo que hoxe, quero dun xeito sinxelo darlle as GRAZAS por todo, e sobre todo por estar ahí.

Mire vostede por onde pretendía falar de Xesús Mato, e rematei falando de min. De ben seguro é por que continúa póndome medo falar dunha forma obxectiva de alguén que marcou tanto a miña vida e teño que confesar (a miña ignorancia)  aínda que quixese non sabería facelo.