Preguntádesme por Xesús Mato?. Eu recórdoo dende o seminario, aínda que el ía seis anos diante de min. Eu cursaba primeiro de filosofía cando el remataba a carreira. Pero para arriba sempre se mira. Como el era un home activo e dinámico, encontrábalo en calquera acontecemento.
Ordenado de cura, foi nomeado para Lalín de coadxutor e oiamos comentar que alí estaba metido en mil cousas, que levaba unha actividade pastoral desbordante.
Eu puiden comprobar que era así, aló polo ano 66, naquelas misións conciliares que houbo para dar a coñecer a doutrina do Concilio Vaticano II, pois tocoume colaborar naquela misión en Lalín e el era o organizador. Traballaba el e facíanos andar ós outros.
Non obstante, cando coñecín máis a fondo a Xesús, o "Padre Mato", - como lle chamaba daquela a maioría da xente - foi na Casa Diocesana, onde convivimos e traballamos xuntos durante dezaseis anos. Inicialmente eramos cinco no equipo da pastoral e espiritualidade que nomeara o Sr. Bispo Ona de Echave naqueles intres. El era capelán do Colexio Santísimo Sacramento, asesor relixioso da emisora Radio Popular, fundador e consiliario de Auxilia en Lugo, fundador de Fuxan os ventos, etc. E aínda que cada un de nós tiñamos o noso cometido -eu levaba a Pastoral Familiar e colaboraba con José Vázquez nos exercicios espirituais e reunións da xente nova - axudabámonos moito uns ós outros. Como Xesús levaba tantas cousas, quizais precisaba máis veces da nosa colaboración.
Como era Xesús Mato na convivencia?. Sempre optimista, sempre positivo, sempre activo. A carón del non había penas. Sempre estaba disposto para cando facía falta. Celebrabamos en conxunto os distintos acontecementos, por exemplo, o santo de cada un, aínda que non fose máis ca cunha torta e unha botella de champaña. Pero poñiámoslle moita alegría e cantos. Ás veces deixabámolo para a noite xa que tiñamos máis tempo. Mato sabía unha morea de cantos galegos. Ás veces botabamos máis dunha hora cantando sen repetir ningunha canción.
Xesús Mato é un home de moitas calidades; moi bo en todo. Ben, en contar chistes non era tan bo. Recordo que nunha ocasión estaba contando un chiste, apurouse e adiantou a fin. Non llo rimos; entón dixo: "aplaudide caraba". Entón si que nos fixo rir.
Eu lembro aqueles anos como os máis felices da miña vida.
Despois aínda coincidimos na montaña. Atendemos parroquias limítrofes aló no Cebreiro. Eu só atendín aquelas parroquias durante tres anos e medio. El quedou. Aínda segue hoxe. Iso ten moito mérito. Por isto e por outras moitas cousas había que dedicarlle un monumento.