Ante todo debo confesar a miña grande admiración por este exemplar Crego de Lugo. Admiración desde hai moitísimos anos, porque comezou cando, en plena xuventude, estaba destinado como vicario parroquial ou coadxutor en Lalín e fundou a emisora parroquial COPE e dirixiuna con tanto éxito. E esta admiración foi en aumento cando foi nomeado asesor e redactor relixioso da Radio Popular de Lugo e ata foi o presidente da Comisión de Medios de Comunicación Rexional durante o Concilio de Pastoral de Galicia. Ademais, comezou a súa sempre importante colaboración nos medios de prensa e sen deixar a súa constante actividade pastoral.
Aos poucos anos, cando comecei a pasar o mes de xullo no pobo do Cebreiro e tiven a sorte de coñecer o seu labor nas parroquias daquelas montañas, das que aínda agora é párroco, a miña admiración e amizade co crego Xesús Mato chegou ao máximo. Alí tamén coñecín o seu talento artístico e musical.
Trátase dunha persoa que une unha fonda e ampla competencia a unha sensibilidade extraordinaria e de aquí xorde a miña admiración.
Grazas a Deus, temos en Galicia un bo número de cregos que teñen unha grande competencia intelectual e unha grande formación filosófica e teolóxica. E algúns ata teñen importantes publicacións. Pero o que non é tan frecuente é atopar persoas que unan a unha grande formación cultural e talento, unha grande sensibilidade e dedicación pastoral.
E no querido e admirado Xesús Mato Mato esta unión atópase e dunha maneira verdadeiramente impresionante. E digo impresionante, porque non só é unha sensibilidade moi ampla, que abarca moitos aspectos, senón tamén de grande fondura e perfección en moitos deses eidos, como demostran os seus numerosos éxitos.
A súa sensibilidade musical levouno á creación de “Fuxan os ventos”, para a que compuxo unha canción do mesmo nome (que conseguiría un premio) e outras cancións ou adaptacións. Eran impresionantes e de gran eficacia pastoral actuacións como a de “Galicia canta ao Neno”. E o espírito daquel grupo tivo continuidade no famoso conxunto “A Quenlla”.
Esta sensibilidade artística axudoulle a unha notable variedade e fermosura na súa pastoral, nas súas celebracións e ata nos seus escritos, como na súa “sección de Igrexa” no xornal El Progreso.
Pero esta sensibilidade levouno sobre todo a unha grande entrega social e a unha extraordinaria e case mística vivencia da mensaxe de Cristo. Así se explica que fose o promotor da estupenda obra “Auxilia-Lugo de Minusválidos físicos”.
Mais, por desgraza, na sociedade actual hai moita falta de sensibilidade. E hai unha patente equivalencia entre insensibilidade e indiferenza. O indiferente quédase cos brazos cruzados ante os necesitados, porque vai ao seu e non lle importan os demais. E na mesma Igrexa nosa, a pesar de Xoán XXIII e do concilio Vaticano II, aínda abondan os que predican que “o home é para o sábado”, esquecendo que Cristo dixo o contrario. E así, para estes “colegas”, Xesús Mato pode resultar molesto e ata perigoso, cando tiña que ser un modelo a seguir.