Do inxente labor social e cultural que conta a prol de Xesús Mato Mato, comprácenos destacar a presenza dun libro, dígase o que se queira, a el se lle debe. O título é o que aparece na portada: «Galicia canta ó Neno». Un pouco máis longo se se le o que precede: «Música popular galega Colectivo Fuxan os Ventos Vol I» e o que segue: «á xente da
aldea, que sabe e conserva algo importante da nosa Cultura Alvarellos Editora Técnica».
Adórnase, tanto na portada como na capa —esta en color—, coa figura dun mapa de Galiza sucado de fileiras de pentagramas cruzados por un instrumento musical. Á volta da portada, e no fondo, faise constar que a edición, coa que correu a Editorial Alvarellos, Lugo, é de 1979; e que da grafía musical e máis das ilustracións se responsabilizou
Xosé Luís Freire, ficando o traballo da escolma para «Fuxan os Ventos» e o da coordinación para Xesús Mato.
Polo limiar sabemos que estamos diante dunha feixada de cantos nos que agroma, rexoubante e algareira, a ledicia das datas que os motivaron, as do Nadal; ledicia na que, por outra parte, se agocha o loitar inquedo e agoniante do home do campo —do campo galego— por ser el mesmo, por defender a súa individualidade e o seu ser diferenciado; nunha palabra por salvagardar as encastras da súa cultura. E dísenos tamén que, se a colleita foi cousa de moitos e moitas, quen lle deron xeito, a ordenador e a configuraron foron os de «Fuxan os Ventos», colectivo folk tras do que parece, unha e outra vegada, a man maxistral e experimentada de Mato Mato.
Un Xesús Mato Mato que abandona a capital do Deza, Lalín, onde realizou ao longo dunha manchea de anos, unha destacada actividade radiofónica como responsábel diocesano de «La Voz del Deza», emisora parroquial englobada nas chamadas da cope. E que chega a Lugo a principios de 1968. aquí haberá de se facer cargo da atención espiritual do recén inaugurado Colexio Menos feminino, situado no Agro do Valiño, ás aforas da cidade, pola banda do sur. Haberá de levar, así mesmo, a asesoría relixiosa da emisora diocesana Radio Popoular de Lugo. A pesar de todo isto, e isto en conta, non tarda o señor Mato en se rodear dunha recovaxada de rapaces e rapazas, estas do devandito Colexio Menor feminino e aqueles do Colexio Menos masculino, nomeado Eijo e Garay, aberto un pouco máis antes co feminino, en 1963. Con todos eles conforma un grupo disposto a traballar arreo pola cultura do pobo, pola súa lingua, a súa poesía, a súa música… Inquedanzas que dan por froito unha cuantiosa colleita de cancións populares que, debidamente arranxadas e ordenadas —e acompañadas, ás veces, doutras de propia creación—, volverán ao pobo a través dos concertos e as actuacións que o grupo promove a cotío por Galiza e fóra dela. Deste continuo se desprazar dos compoñentes do conxunto, cómpre lembrar a xira que en 1972 os levou a Mondoñedo para interviren no III festival de música de As San Lucas, no que acadaron o primeiro premio, precisamente cunha poesía feita e musicada por Mato Mato, que comeza: «Fuxan os ventos…». Palabras —as tres— coas que dende entón se coñecerá o grupo e que, por certo, figuran na portada e na cuberta do libro que estamos a comentar.
Mais como o noso é falar de «Galicia canta ó Neno», digamos que se trata dun libro de vilancicos, vulgo panxoliñas, distribuídos en cinco pequenos montóns. No primeiro aparecen os intitulados de chamada, nos que se convida aos pastores a iren ver ao Neno. No segundo amoréanse os que falan dos fogares e os alboios pastorís. No terceiro figuran os relacionados cos saúdos e os agasallos que as xentes lle fan ao Recén Nacido. No penúltimo atópanse os de despedida, máis ca do Neno, do ano. O último, quizais o máis abondoso e o máis coidado, resérvase para os que se fan eco das persoas e os personaxes que buligan ó redor do portal como Xosé, María, os anxos, os Reis Magos, os pastores, os señores… Cada vilancico, tal e como aparece no libro, componse da grafía musical, da letra que a acompaña —letra, de ordinario, de varios pés ou estrofas—, dunha ilustración e dun estudo alusivo á temática da canción.
Hai non moito tempo fun ós Peares e topei cunha señora sentada no suarego da capela da Granxa. Estaba canturreando os versos de «Galicia canta ó Neno». Contoume que aló polo ano 1976 viñeran dalos a coñecer —aínda non en disco— ao Poboado da fenosa e que gustaran tanto que un dos oíntes berrou: ¡Que ben…, nin os anxos! Ao outro día —o 1 de xaneiro de 1977— o cronista local escribía: «Ogallá que non fuxan os ventos dista vocación musical, diste ir ó pobo a recoller a súa riqueza pra que todos poidamos beber dunha fontenla pura e cristaíña. Hai... moito disco e moita música, pero falta ise ecoar dun pobo que ten a súa persoalidade histórica, falta unha música feita a carón dos piñeiros inmorrentes ou dos carballos infindos. Por eso pediríamoslle ó direutor dista agrupación, ó Señor Mato, que pró ano que vén o mercado poidera contar con algún disco de panxoliñas...». Os degaros do susodito cronista víronse, por fortuna, amplamente cumpridos. Graváronse discos, déronse concertos e espallouse música, música nosa. E iso a cargo duns «Fuxan os Ventos» que non fuxiron, non, que aínda están aí tras da súa longa, longuísima andaina para encher salas como a de Ángel Brage do Auditorio de Galiza o 18 e o 19 do pasado outubro.