FOI TODO UN REGALO…

Sempre lembrarei con cariño e agradecemento os anos que tivemo-la sorte de compartir con Xesús Mato tantas experiencias.

Ao pouco tempo de chegar a nosa comunidade da Compañía de María a Hospital, en Pedrafita do Cebreiro, quedaron sen cura varias parroquias da zona, entre elas a nosa. Coñecíamos a Xesús Mato dalgunha sustitución que fixera na ausencia do noso cura e sintonizabamos co seu xeito de facer pastoral, a súa cercanía e sinxeleza; axiña se fixo coa simpatía de tódolos veciños e veciñas. Por eso, dacordo co pobo solicitamos ao Bispo o seu nomeamento para a nosa zona e acollimos con gran ledicia a confirmación da nosa petición.

Mato (como o chamamos) é un cura “GALEGO”, que leva moi dentro o amor á terra e a lingua e contaxia a súa vitalidade. Achegou á xente da montaña todo tipo de experiencias culturais: grupos musicais, folklóricos, artísticos... Traballou sen parar por recuperar tradicións coma os Reiseiros do Cebreiro, esquecidas desde hai 50 anos, sentíndose feliz de poder aledar á xente, especialmente aos vellos e vellas da zona.

Dada a gran cantidade de relacións que ten e o seu xeito de ser tivemo-la oportunidade de participar de tanta riqueza como él traía á nosa zona.

Foi moi importante para nós poder colaborar con él nun tipo de Igrexa ao estilo de Xesús, non buscando intereses persoais, senón preocupado por servir gratuitamente, e sempre disposto a facer calquer favor a quen llo pedira, especialmente á xente máis necesitada.

Podo dicir que foi para a xente un auténtico regalo o poder experimentar unha nova imaxe de Igrexa e de cura. Domingo a domingofoi sementando esperanza e ledicia desde unha teoloxía liberadora. As súas Eucaristías sinxelas, cercanas e participativas eran valoradas tamén pola xente que se acercaba desde fora e polos peregrinos e peregrinas do Camiño de Santiago que agradecían atoparse esta posibilidade de podelas compartir.

Mato é un cura loitador, cun gran tesón en todo o que se propón, sendo recompensados os seus esforzos coa restaruración de tódalas igrexas das súas parroquias.

Podería dicir moitas máis cousas, pero teño que rematar, dicindo que  para min Mato é un GRAN AMIGO e non podo esquecer tódalas experiencias vividas con él.

Agradezo ter esta oportunidade de poder expresar os meus sentimentos  de cariño e gratitude con esta pequena colaboración.

¡¡¡GRAZAS E  FELICIDADES!!!