Foi sempre ben acollido en todos os lugares por onde pasou

Son as dez do día vintetrés de outubro cando soa o meu teléfono. Cousa normal, pero cando identifico a voz de Xulio Xiz é para min unha sorpresa. Logo do saúdo de rigor, pregúntame “sabes que Xesús Mato cumpre 50 anos de crego e vintecinco anos na montaña, e que lle queremos dedicar un libro como recoñecemento nas súas Vodas de Ouro e os vintecinco da Montaña?”.

Eu, como amigo e compañeiro de curso durante doce anos, e como crego da súa parroquia natal, na que levo corenta e catro anos, síntome na obriga de pór o meu grao de area en tan merecida homenaxe.

Coñecín a Xesús Mato no ano 1946, ano que ingresamos no seminario de Lugo, curso no que empezamos 121 e rematamos saíndo 32.

Durante estes doce anos de Seminario, Xesús sempre tivo un certo prestixio entre os compañeiros, e mesmo entre os superiores, polo seu carácter aberto e sempre disposto a colaborar. Pero tamén foi un emprendedor, pois del nacían iniciativas que sempre tiñan boa acollida entre os compañeiros.

Dentro das facetas do Seminario, hai que salientar a súa afección á música, de aí que durante os dous últimos anos de carreira dirixira a Schola Cantorum do seminario.

A partir do seminario, espállase o curso pola diocese adiante, e Xesús foi un dos impulsores de que todos os compañeiros seguíramos unidos organizando varias xuntanzas durante o ano, cousa que seguimos mantendo hoxe en día.

O señor bispo destinouno á parroquia de Lalín, onde seguiu practicando a súa paixón musical creando un Coro Parroquial.

Estivo varios anos desenvolvendo o seu labor pastoral en Lugo, onde colaborou en Radio Popular e no diario El Progreso.

De Lugo marchouse á Montaña do Cebreiro, na que leva afincado máis de vintecinco anos.

Xesús foi sempre ben acollido en todos os lugares por onde pasou, pero onde mellor recoñeceron a súa valía foi na súa parroquia natal -Sanmartiño de Castro- e no seu Concello de Paradela, onde o proclamaron Fillo Predilecto.

Eu estou de acordo porque lle brinden esta homenaxe e eu, como amigo e compañeiro, únome a el con todo o corazón.