FÓRA DO COMÚN

- Cursiños prematrimoniais! Como dis que se chama o cura?
- Mato, é como o capelán da familia, bautízanos, cásanos, as misas da familia, todo! Chamámolo para calquera problema e sempre responde, di meu pai que é un home fóra do común.

Con algunha conversa semellante entre Mari Cruz e máis eu, escoitei por vez primeira o nome de Xesús Mato.

Fóra do común! Imos ver: “fóra do común, cursiños prematrimoniais e na Casa Diocesana de Exercicios...” Contra co panorama! Co que non lles estrañará que comezara a darlle ao maxín, tampouco sería a cousa para se preocupar demasiado. E si interrogamos a alguén por aí?

- Carlos (o pai da noiva, logo o padriño, e agora sogro, ou segundo pai que soa mellor) – Quén é este home que nos vai casar, coñecelo moito?
- Dende hai polo menos trinta anos, xa verás, xa.

Aquel “xa verás…” Isto pasa por preguntar de máis.

Chegou o día, creo que un xoves, e chovía, mal sinal! Logo duns minutos aparece un home que me aperta a man con moita forza, bica a Mari Cruz e di unha soa verba con voz de mariñeiro, desas voces que asocio aos homes curtidos en mil batallas contras o vento e as mareas de Neptuno, de aí o da voz de home da mar.

- Acompañádeme.

Lévanos ata o seu cuarto, lugar de traballo, biblioteca, museo particular e ata discoteca, logo lles conto. Un curruncho duns dez metros cadrados, ateigado de libros, fotos, discos e cintas magnetofónicas das de antes, (antes era hai dez anos, non sei a onde imos chegar noutros dez)

Un breve recoñecemento por ambas partes, nolos dous; de Mari Cruz sabe dende o berce e eu son o novo. A ver quen chega aquí, pensaría el. – Pasei con boa nota, iso creo. Vai o do cursiño por si as autoridades eclesiásticas len esta historia, e pode que si; todos tranquilos, fixémolos.

E entón a guinda da torta, o agasallo que eu non agardaba, a resposta á pregunta.

- Mirade, as fotografías dos nenos da familia, aquela do Papa comigo (daquela Xoan Paulo II), estas de Terra Santa. Vaia, o ordenador! Estou escribindo unha cousiña para o periódico, colaboro por aí de cando en vez.

Os seus ollos percorrían velozmente o cuarto, tal vez navegaran polos recordos.

- Alí están as cintas, van vellas pero vou recuperar delas as cántigas e os contos, os filandóns dos pobos da miña montaña. – A súa montaña! – Descrición incluída dos montes lugueses, da súa xente e costumes, cancións e bailes; e como non, da natureza salvaxe e máxica que envolve con agarimo de irmá cada pobo, cada aldea. Da vida e da morte nun territorio hostil pero fermoso, desas tradicións centenarias que algúns non queren esquecer, que el non deixará esquecer.

E este home quen é? Ou mellor dito que é? Un cura, un atropólogo, un naturalista, un sociólogo, un experto en psicoloxía humana... Un conxunto amoreado de grans de cada un deles ata formar unha rocha inquebrantable? Iso era, a mestura do home da Igrexa co amante da natureza e da máxima expresión desta, o coñecemento da propia condición de mulleres e homes, dos seus veciños, dos seus amigos.

Dende aquel día máis encontros pero xa coa ledicia por diante, os bautizos dos nosos fillos, actos culturais, o rostro de reflexión de Mato tralo pasamento de Frei Xosé. Que mais ten? Se vou falar con Mato de literatura, música, deportes ou paxaros.

Agora a pregunta para vostedes, é ou non é un home fóra do común?