Eu sempre vin a este home moi cerca de Deus

Para escribir fai falla oficio. Eu non o teño e sei das miñas dificultades para expresar o que quero dicir. De calquera xeito, vouno intentar. Cando me chama un vello amigo, Xulio Xiz, para contarme o que se estaba a facer, agradecinllo e respostei en décimas de segundo que eu quería participar.

O único que podo facer é poñerlle un marco ó retrato. Un marco sinxelo porque o importante, o que destaca, con marco e sen el, é o contido, o propio retrato.

O retrato é Xesús Mato. O seu nome téñoo intimamente ligado a Mato-Mini-Mero. Así o coñecín e así me quedou gravado. Eu coñecía a Mero. E a Mini; a este máis; veciño desde neno, moitas veces coa súa guitarra na man. E ó través deles chegou Mato.

Eu sempre vin a este home moi cerca de Deus, dos desfavorecidos, da música e da súa terra. A vocación relixiosa é ben patente ó longo da súa vida; sempre ó lado dos necesitados, en Auxilia-Lugo e na montaña, … E tamén comprometido coa música e coa terra, nos coros en Lalín e nos colexios menores en Lugo, en Fuxan os ventos, con Galicia canta ó Neno, coas súas publicacións, cos traballos na prensa, na radio, nas conferencias, nas tertulias…

Xesús Mato leva 50 anos exercendo o sacerdocio, 25 deles na montaña luguesa, entre Pedrafita e Caurel. E eu véxoo coma sempre, cercano, afectuoso, moi directo no trato, acudindo sempre ós actos relacionados coa cultura galega o coa música.

En Lugo nomearon a Mato “Lucense do ano”. En Paradela, Fillo Predilecto. É de xustiza. Pero tamén o sería se o nomearan de Pedrafita, ou do Caurel, ou de Lugo, ou de outros lugares. Pero o importante non é ese agradecemento polo seu labor, o verdadeiramente meritorio é o seu traballo de moitos anos, o exemplo da defensa conxunta e paralela de Deus, dos pobres, de Galicia e da súa música. De todo elo xunto.

Eu estou seguro que Xesús Mato seguirá traballando toda a súa vida, e vaino facer na mesma liña que ata hoxe. Seguro que non vou estar errado. E eu seguirei admirando a Xesús Mato polo seu traballo, porque para min sempre foi un exemplo a seguir, o que pasa é que non teño nin tanta capacidade nin tanta enteireza coma el.

Desde estas breves liñas vaia o meu saúdo con todo o afecto que merece Xesús Mato. Que a súa vida sexa longa e frutífera no espiritual, no social e no cultural.