Coñecín a Xesús Mato a mediados dos anos 70, cando comecei a miña vida laboral como traballadora social. Desde o principio conectamos en moitos aspectos sociais e de necesidades da nosa xente e do noso país. Daquela el impulsara varios movementos asociativos, entre eles o de discapacitados físicos “AUXILIA”, participaba activamente na creación de movementos culturais e musicais, como é o caso de “Fuxan os ventos”, e tiña un interese especial no coñecemento da xeografía da nosa Galicia. Púxome en contacto e espertoume un interese nun mundo descoñecido para min, o que lle agradezo moito.
Persoalmente, sempre me consideraron como unha máis da súa casa, tanto na aldea de Cabo de Vila , onde vivían daquela os pais e algúns irmáns, como en Portomarín, comarca que coñecín e que quero tanto grazas a eles. E digo sempre eles, porque Xesús Mato para min, é el e mais a súa familia, especialmente as súas irmáns Sara e Milagros.
Xesús Mato ten unha calidade moi importante na amizade, esta é que el segue sendo igual que cando o coñecín hai máis de 30 anos.
Parabéns por estes 75 anos de vida, dos cales 50 de crego, agora exercendo na montaña luguesa onde segues traballando coa xente e coa recollida do noso patrimonio cultural. Se o noso país tivera xente coma el estaría máis preto do seu espertar.