Lembro que no curso 1973-74 nos reuníamos no Colexio Santísimo Sacramento de Lugo baixo a organización de D. Xesús Mato para ensaiar o espectáculo Galicia Canto ao Neno. Xesús Mato era aquel cura mozo que transmitía inquedanzas e vida. Foron moitas as vivencias que experimentamos con aquel espectáculo único na historia da música de Galicia.
Eran anos de moita ilusión pola vida e pola esperanza dun renacer na música de Galicia. Xuntamente con “Fuxan os Ventos”, os gaiteiros de “Toxos e Xestas”, seminaristas de Teoloxía percorremos moitos lugares de Galicia; sempre baixo a mirada afable e comprensiva do cura Mato, como cariñosamente lle chamabamos.
A miña experiencia como gaiteiro e zanfonista en Galicia canta ao Neno así como as viaxes polo país foron unha parte significativa da miña aprendizaxe. Non podo esquecer unha graciosa anécdota ocorrida nunha presentación no Gran Teatro de Lugo. Para ilustrar o caso debemos dicir que, daquela a zanfona era un instrumento practicamente no esquecemento, sen embargo, Amadeo Goyanes, artesán de Monforte de Lemos e discípulo de Santalices tiña unha zanfona. Servidor, valéndose da amizade con Amadeo conqueriu a zanfona para as distintas funcións durante o Nadal. No Gran Teatro presentamos un canto de Reis cantado por Mini e acompañado á zanfona por un servidor. Aconteceu que no medio do cantar afrouxouse unha corda de repente, tendo de comezar novamente o cantar despois de afinar o instrumento. Nunca se me esquecerá a anécdota.
Dentro da filosofía da recuperación dos instrumentos (daquela tamén os gaiteiros eramos ben escasos) contando a historia da zanfona, explicabamos que o instrumento viñera a menos, polo que, a partir destas presentacións o noso desexo era que houbera zanfoniños (Mini).
Pero quixera aproveitar esta ocasión para que as miñas palabras foran unha testemuña veraz cara o significado do cura Mato no mundo da música do País. E digo música do País referíndome non á celta nin á comercial. D. Xesús Mato foi a alma de Fuxan os Ventos. Estivo aí en todos os momentos da súa vida, incluso por encima de subdivisións que en calquera actividade humana acontecen.
D. Xesús Mato foi quén de darse conta dunha realidade social e musical galega completamente esquecida e minusvalorada. El é a persoa próxima ao máis pobre, ao artista popular e a todo aquilo que teña que ver cos valores da Terra.
Admiro os valores humanos de Xesús Mato. Precisamente a súa xuventude que aínda segue viva na súa mente aos 75 anos. Grazas Xesús Mato por crer nas cousas como cres.