Souben da existencia de Xesús Mato nos anos setenta, cando me contaron que un fato de rapaces dirixidos por el, formaran o grupo de folk galego, Fuxan os Ventos e lémbro desa época outro proxecto del que tan bos recordos me evoca, "Galicia canta ao neno".
E digo souben porque o coñecemento non era recíproco, pois eu era un rapaz de 15 ou 16 anos que comezaba a facer as miñas primeiras incursións na música e literatura galega na miña Sarria natal e aínda tardaría uns anos en tratalo persoalmente.
Antes e despois de o coñecer sempre gardei para min que na súa traxectoria había unha actitude de compromiso co seu país e coas súas xentes que reflectía a súa procedencia.
Mato leva na primeira liña de combate dende hai moito tempo, mergullado en proxectos sociais e culturais que teñen como denominador común a preocupación que el sente polos seus semellantes máis desfavorecidos, aos que tenta axudar sen reparar en nada. A súa disposición é total para apoiar calquera iniciativa de índole social que mereza a pena. Teño por seguro que ten moito que ver a súa actividade vocacional e profesional, a través da cal coñece de primeira mao as necesidades e arelas de moitas persoas que lle solicitan axuda.
Xesús é un home que pon todo o seu empeño e forzas para levar a bo porto xeiras que as máis das veces necesitan dun esforzo e visión de futuro que só algunhas persoas como el posúen: asociacións de interese social, grupos musicais ou iniciativas de grande importancia cultural foron reais grazas ao seu bo facer.
Se falamos da nosa lingua, o labor que fixo, en tempos nada doados, a prol dela a traveso da recuperación da nosa tradición músico-vocal, foi de grande importancia abrindo camiños que foron de especial relevancia para o rexurdimento da canción popular galega.
Eis un home, unha persoa, que pertence a esa rara estirpe dos “bos e xenerosos”.