EGREXIA ALMA GALEGA

O don da ubicuidade  disque é  exclusivo de  Deus. Non serei eu quen poña  en dúbida tal omnipresencia  divina , pero  se tiverades o privilexio  de espertar  un día en Cabodevila, no concello de Paradela,  cos primeiros bicos que o sol  enreda  nos cabelos  da durmida  néboa,  comprenderiades porque a sobranceira  personalidade de D. Xesús Mato foi capaz de  abonar  coa  esperanza da gloria as raíces da terra galega.

Ben certo é que o berce inspira. Dende Cabodevila acaríñase o ceo coa man estendida; recóllense  soños. Mais para que agromen  precisan do inxente esforzo do fillo predilecto do fillo do Loio : o “padre” Mato, árbore da sabedoría con madeira de filósofo, convincente e convencido de que ós galegos outro galo nos cantaría se apreciaramos o que é moi noso.

El non é un téorico. Predica e predicou sempre  co exemplo aínda que os tempos non foran propicios. Non se amedrentou para enarborar a bandeira preconizadora da fuxida dos tempos dos agoireiros e, tras del, ceibáronse as voces. As humildes verbas galegas  volveron ser  libres e sublimes.

Supoño que  aprendeu de Deus a arte de aparecer, sempre afable,  onde e cando se precisa. Anda polo mundo  engraxando proxectos, dándolles o empuxón decisivo. Para el o imposible  está o noso alcance porque  “a maioría dos problemas  non son problemas”.    Iso si, á hora da foto, igual co Creador, desaparece.

A súa  pluma  cicela o espírito da solidariedade e a comprensión humanas. Quen lea ou escoite a súa palabra sentirá a necesidade de botarse unha mirada introspectiva , reaxustar os valores e xunguirse ó carro da man tendida.      

Benquerido, Xesús, os camiños da literatura leváronme a ti. Escribiriamos infinitas loanzas  deses  setenta e cinco anos que nunca  poderán co  teu espírito novo e  emprendedor pero condensareino todo na palabra GRAZAS por brindarnos a túa fermosa amizade   a tódolos que non puidemos nacer en Cabodevila . De ti aprendemos a inescusable obriga de loitar pola mellora da nosa terra. Agardamos disfrutar  moitos anos máis da túa ubicuidade  e seguir recibindo leccións da túa  egrexia alma galega.