Don Xesús Mato chegou a Lalín na década na que este pobo empezaba a medrar, e na que os primeiros talleres de costura posibilitaban a apertura mercantil de Lalín cara ao exterior.
Ao mesmo tempo que Lalín se exportaba, chegou a esta vila un coadxutor de aspecto feble, do que unha grande maioría non esperábamos máis ca que cumprira co seu papel de subalterno do cura párroco. Era DON XESÚS. Un sacerdote novo e inquedo, bazas que xogou ao seu favor para facerse coa xuventude da vila e converterse no seu líder non só no ámbito pastoral senón tamén no social e cultural.
A Lalín faltáballe voz, e el deulla a través das ondas creando unha emisora de radio: Radio Lalín-A Voz do Deza, unha das primeiras canles radiofónicas de ámbito parroquial de Galicia.
Organizou festivais, concursos, tómbolas; mobilizou a Cáritas e a todos os estamentos de Lalín en prol dos máis necesitados.
Foi o creador da Coral Polifónica de Lalín, que percorreu gran parte da xeografía galega acadando un gran recoñecemento entre o público e o respecto dos demais grupos corais.
Foi capaz, a través da xuventude, de unir forte e solidariamente ao pobo de Lalín na procura duns obxectivos comúns.
Pero foi entón cando o bispado de Lugo botou man del e da súa experiencia para levalo á Cidade da Muralla e encomendarlle a tarefa de asesor dunha nova emisora de radio: Radio Popular de Lugo.
E nós quedamos sen el; orfos; sen líder. Pero o seu bo facer prendeu nos corazóns e nas mentes de todos aqueles que se sentiron tocados por el. Lalín nunca o esquecerá. Eu nunca o esquecerei.
Por iso, en representación do pobo de Lalín, únome a esta homenaxe que se lle profesa a don Xesús. Quédanme moitas cousas no tinteiro, anécdotas pululando no meu maxín. Podería estenderme máis e ir en contra da brevidade e da sinxeleza, ocultando panexiricamente a figura dun pequeno gran home: forte e sinxelo, susto e xeneroso, entregado e caritativo.
Amigo don Xesús, reciba o cariño e afecto de todos nós, os lalinenses, pobo onde a bondade e a xenerosidade gozou e goza dun novo significado dende que vostede pasou polos nosos corazóns.