Fálase na lei galega do patrimonio cultural dos bens inmobles como representación da evolución dunha comunidade humana, por ser testemuño da súa cultura. Todos os que amamos a montaña luguesa sabemos que nela, dende o Cebreiro a Fonfría, temos un exemplo de porque a arquitectura tradicional e inda máis a paisaxe humanizada galega se adapta de xeito fermoso ós homes e á terra. Isto é precisamente polos homes que dende sempre souberon ler o seu territorio e convertelo nun contorno amigable.
Un deses homes, o cura Mato, que entendeu o seu territorio; mellor dito a súa parroquia na dobre vertente: a súa terra e os seus veciños, e polo tanto na mestura desas dúas realidades o patrimonio edificado. Os que estamos nas trincheiras da defensa do patrimonio, atoparnos con alguén que nos explica que pasa no seu territorio, o que pasa coas súas xentes, que nos axuda a entender as razóns das construcións e a facernos entender nos proxectos de recuperación das obras testemuñas da nosa cultura, é máis ca unha sorte unha bendición.
Grazas D. Xesús Mato para axudarnos a entender esta terra, estas as túas parroquias, este o patrimonio edificado que baixo a túa protección se mantén para o uso e o gozo de todos nós.