DON XESÚS DOS MILAGRES

Non sei se son o primeiro dos cen, pero co posto noventa e nove son feliz. Ser amigo de D. Xesús Mato é un privilexio. Compartir con el, tantas cousas coma min, é como ser o seu irmán: non hai maior honor.

El ensinoume a amar a radio, a miña profesión máis querida. En Lalín, da súa man, ós meus dezasete anos en La Voz del Deza. Anos máis tarde, en Lugo, volveu unirnos Radio Popular e creo que en innumerables ocasións cheguei a ser o seu “alter ego”.

"Ricardo, teño que saír de viaxe" ou "ando moi ocupado, faime "O Anxeliño". "O Anxeliño" era  un programa curto, pero intenso, unha reflexión interior de humanidade, unha aproximación  á espiritualidade, un revoloteo de tres minutos coa poesía, tralo "angelus" vespertino.

Ricardo metíase con dificultade na lírica epiderme de Xesús Mato e poñíalle palabra ó "Anxeliño". Delegado Provincial do Apostolado en estrada: "Faime un artigo para o Boletín Nacional". Ricardo, no fío da navalla, escribindo sobre a estrada e os perigos.

E, unha e cen veces, Ricardo suplindo a Xesús, embarcado en tantas cousas e empeñado noutras tantas, que Deus parece que lle tiña que modificar o horario do seu reloxo, só para poder atender a todos os seus compromisos.

Durante cinco anos, ata que deixei unha parte do meu corazón en pedra nun oco da Muralla, para incorporarme profesionalmente a “El Ideal Gallego" na Coruña, compartín con el traballo, ilusión, centos de soños... Fun o seu amigo, colaborador e confidente.

Pese á distancia, nunca perdemos o contacto nin a amizade minguou un ápice. Aínda agora, que resido en Lalín –a súa primeira parroquia- vémonos, falamos, lembramos e seguimos compartido e avivando a amizade do primeiro día, nunca esquecida.

Non me importa o posto que ocupe entre os cen, ou mil, creo que seguir sendo o seu amigo, despois de tantos anos, é un dos regalos máis fermosos que Deus me deu.   
O segundo foi obra de Xesús Mato: inocular en  min a paixón pola Radio, a rama máis difícil do xornalismo –onde todo ten que parecer tan fácil- pero a máis imaxinativa, creadora, máis ilusionante e máis querida.

Grazas, Xesús, "andariego do ben", inquedo facedor dos pequenos milagres cotidiáns, tolo das grandes cousas, Quixote que non quere ser fidalgo...

Grazas por deixarme ser o teu amigo.

Grazas por ensinarme, desde a túa humildade, tantas e tantas cosas.

Nunca serás importante (porque o rexeitas), pero algo delátate. Como diría Curros: "ai dos que levan na fronte unha estrela e no bico, un cantar".

E ti, o unxido, o elixido, es un deses iluminados.

Porque quizais ti non o saibas pero, cando Deus te moldeou –oleiro dos milagres- ó rematar a súa obra, tocou cos seus divinos dedos a túa fronte e picaramente sorriu. Que lle vas facer, es un dos elixidos.