DESDE O BERCE

Este refrán, tan repetido, senténciase case sempre en castelán, mesmo por galegofalantes: “genio y figura hasta la sepultura”.

O mesmo dito, referido a persoas de certos anos (coma Xesús Mato e máis eu, que somos da mesma quinta), poderíase expresar mellor así: “genio y figura desde la cuna”.

A primeira forma explica o presente e prevé o que fará a persoa á que se aplica o conto; a segunda (que se me ocorre a min agora ) serve máis ben á nostalxia e mesmo para dar a razón ós profesionais da psicoloxía evolutiva da personalidade, cando din que nos primeiros xeitos caracterolóxicos do neno (desde o berce, ou barrelo, como se lle chama en Paradela) presaxian –case por completo- o que será o adulto.

Nestes 2400 caracteres que Xulio Xiz nos dá para furgar na “personalidade mateana” ou matana (do noso Mato, quero dicir), eu vou lembrar tres capítulos da vida daquel  neno que perduran no bo rapaz e home que é o Mato de hoxe: o dinamismo, a comunicación e a música.

Xa de pequeno, non paraba quedo: disposto a ir “daquí procolá”, tanto para facer os encargos da súa casa coma para viaxar cos irmáns e compañeiros a onde fose preciso. Sempre disposto e xeneroso. Vese que non cansou; senón que o diga o seu inseparable coche (¡mutación do cabalo de  Centauro!), o mesmo ca os amigos agradecidos, porque segue sempre disposto a acompañar, servir e transportar. É o Mato dinámico.

Se miramos á comunicación, na escola era o máis disposto para a declamación e áxil escribidor de textos, mesmo rimar versos,  coma aqueles da súa autoría, que ata a miña escasa memoria lembra:

Cabodevila lle chaman,
nome de vila lle dan;
bos veciños nela habitan,
onde nunca falta o pan.

Rodéana boas cortiñas,
fanlle sombra carballeiras,
ó outro lado as verdes viñas
e as castañas na ribeira.

Así cantaba Mato ó seu pobo; mentres organizaba recitais e representacións teatrais, tanto no local da escola de Samartiño (onde se amigou coas letras e números) coma no Seminario Menor de Lugo. Aquí tivo de “pito” (neno que chegaba ó Seminario, amparándose no seu paisano veterano) a meu irmán crego Suso: contaban que choraba desconsolado –meu irmán neno- vendo ó artista Mato que morría no escenario -o personaxe- nunha representación teatral.  Este é o Mato escribidor de toda a vida, coa pluma (máquina, ordenador) e coa palabra na radio (na que foi mesmo fundador), predicador, conferenciante, etc.

En canto á música, case se pode dicir que a axudou a inventar de pequeno. A música non, pero si algún instrumento. Por exemplo, un sorprendente arte de sacar melodías moi perfectas con tan só unha folla da herba ou dalgunhas árbores. Sacou alumnos tan avantaxados como o mesmo irmán meu Suso, que fixo con tal arte a delicia de moitos, e sobre todo a gran mestría do seu propio irmán, Mario Mato, famoso interpretando música coas follas, ata actuar nas televisións autonómicas e nacionais en programas de gran audiencia. Este era o Xesús Mato, hoxe musicólogo, músico e animador de tantos empredementos.

Eu quixera seguir o relato (disfrutando coas lembranzas, como vello que son); pero acabo de recontar na máquina “os caracteres”, máis dos 2.400. Así que cerro aquí a miña felicitación a Don Xesús Mato Mato polos seus mozos 75 anos, os 50 e crego e os moitos que Deus lle dea de vida. Para ben de todos.