Cura Mato

Xesús, da casa dos Mato de Cabodevila en Paradela, pertence a unha gran familia amiga miña, que xa foi amiga de meus pais, e na que o seu avó paterno —o Señor Jesús— era amigo e compadre do meu avó.

Boa parte da vida de Mato transcorre en Portomarín, e eu estou fondamente orgulloso de terlle oído dicir que tamén era do meu pobo.

Con Portomarín tiña unha grande relación a súa valedora, María Alvarado Osorio, que tamén o intentou comigo, e aínda tendo pasado polo Seminario —que me deixou grande pegada— quedei no camiño.

María Alvarado convenceu —non facía falla— a José e Concepción Mato de que Xesús sería un bo cura, sabendo que ía ser un cura diferente, axeitado ós tempos que lle ía tocar vivir. E lembro unha misa na casa lucense de María Alvarado, presidida por Monseñor Ona de Echave, á que acudín acompañando á miña nai. Era unha das primeiras do novo crego.

En Lalín foi un dos primeiros —senón o primeiro— curas directores de emisoras de Radio, e ó final dos anos sesenta veu para Lugo como crego de Radio Popular.

Pero cando Mato acadou a maior altura como persoa e como crego foi cando pasou a rexentar varias parroquias da montaña lucense —Louzarela, Hospital, Padornelo...— todas á beira do Camiño Francés a Compostela. E eu quero agradecer fondamente a Xesús o seu labor no contorno do primeiro dos Camiños. Con el fun acólito axudándolle nas misas montañeiras, lendo as lecturas, e compartindo con Mato as conversas cos fregueses que teñen neste cura un punto de referencia imprescindible, testemuña e exemplo dunha Igrexa próxima e diferente.

Con Mato teño compartido longas xornadas contemplativas mentres a augardente de Portomarín nacía gota a gota da alquitara, e compartido mesas para degustar produtos da montaña, e interminables sobremesas falando do humano e do divino, que en Mato é difícil de separar.

O Mato de Portomarín que eu coñezo e quero —sen restarlle nada ó seu natal Paradela— foi unha moi grande axuda durante a miña longa etapa de alcalde da vila miñota e ó seu cargo tivo sempre a misa galega do Cristo en honor á Virxe das Victorias.

Por sempre, Xesús Mato, crego amigo de todos, vives nas xentes de Portomarín e Paradela mentres reinas senlleiro nas terras altas da montaña lucense.