Milita na Igrexa. E pon voz onde sexa preciso para transmitir unha mensaxe.
Aprendeu a nadar aos tres anos porque un tío agarrouno por unha perna e tirouno ao Miño, coa intención de sacalo caso de que el non saíse. Saíu. Tal vez sexa ese un feito que marque a súa vida para sempre: “tirarse ao río”.
No seminario de Lugo aparecen as afeccións e os primeiros camiños: música, teatro, emisoras de galena (prohibidas). Dirixe o coro, monta unha emisora caseira. Canta Misa en 1958.
Mándano a Lalín para que monte a primeira emisora parroquial de Galicia. Paralelamente crea un grupo de teatro e a Polifónica. Promove a construción de 24 vivendas para xente necesitada. Involucra a toda a vila. “A xente está desexando colaborar. Hai que deixarlle protagonismo e tamén que actúe de verdade. Lalín para min foi realmente descubrir a vida e o mundo. O seminario dáche unha preparación técnica pero falta despois o contacto, hai moita poesía no medio”.
Trasládano a Lugo para montar a emisora da COPE, e queda en capelán dun colexio menor de monxas. Asesor relixioso e presentador de programas en Radio Popular durante 25 anos. Quería unha emisora que non se contaminara, que non xogara ao mundo comercial. “Estiven no consello moito tempo e, como delegado de medios, tamén tiña que intervir. Discutín moito en Madrid, discutín cos bispos. Que testemuña dá a Igrexa? A Igrexa ten que ter un medio propio, competitivo como os outros? Eu penso que non”.
Así que no 82 pídelle ao bispo que o mande para a montaña. Gústalle unha parroquia de comunidades pequenas, “comunidades que poidamos dialogar dunha forma directa”.
Ten a teima de que “se a min me chegan catro horas para poder vivir dunha profesión, neste caso unha vocación, o resto do tempo penso que hai que entregalo por algo importante”. Implícase no nacemento e desenvolvemento de Auxilia, a primeira asociación de loita a favor dos discapacitados físicos en España. “Á sociedade cústalle máis integrarse que aos discapacitados. Os discapacitados físicos teñen que entrar con todos os dereitos e deberes na sociedade”.
Cofundador de Fuxan os Ventos. “Ter unha letra que dixera algo era bo xa. Non había moitas esixencias musicais nin estruturais, había esixencias de ter a valentía de dicir as cousas e se había certa calidade de voz e certa calidade musical iso arrastraba. Qué transmitíamos? a lingua, os valores do noso mundo, dicirlle á xente iso que tedes aquí é importante, incluso como identificación, como pobo. Houbo que romper por cuestión política, por cuestión económica e por cuestión de gustos musicais”. Nace A Quenlla. “Quixemos levantar Ruada e puxemos todo encantados de que saíse unha casa musical galega. Non saíu, perdemos todo pero son anécdotas”.
“Hai moitas cousas das que a Igrexa non ten que dicir palabra, noutras tiña que dicir e tiña que dicilo antes, mellor dito e máis directamente, sen tanto lío de palabras. A corrupción é corrupción e a inxustiza é inxustiza sempre. A Igrexa nunca pode ser de ningún partido. A Igrexa debe loitar porque no mundo se instale ese reino de verdade, de xustiza, de paz, de amor, de irmandade. Iso é o que temos que buscar nós”.
“O cura ten que ser un animador da comunidade. Evanxelizadores temos que ser todos”.
Fala da xente e reivindica un mundo máis libre, menos mediatizado para ter máis cerca o camiño de Xesús. A súas verbas son: “Xesús, xente, liberdade, defensa do noso, esperanza, loita, servizo, denuncia”.
É un romántico que chorou por Portomarín. Garda fotos de cómo se foi asolagando. Ama a natureza e a arte. Viaxeiro.
Crítico, reivindicativo, dinamizador, radical –se é preciso-, impulsor, paciente, entregado, dialogante, colaborador, comunicador, amigo.
Cousas de Xesús Mato.