Citius, altius, fortius. Foi a frase feliz do Barón de Couvertin na inauguración dos Xogos Olímpicos da era moderna. Sempre me chamou a atención esta frase, pola súa beleza, polo ben que soa, por ese sabor arcaico que lle dá o latín; é una frase solemne, mesmo parece ter un aire de familia rica.
O que non atino a saber é por que espontaneamente se me veu á cabeza cando dei en pensar en Xesús Mato, nos seus 75 anos de vida, nos 50 de cura e nos 25 de traballo pastoral na alta montaña do Caurel. ¿Que terá que ver con Mato este lema? Dábame voltas na cabeza, porque Mato non é un atleta, eu só o vin xogar ás cartas; nin sequera un
«atleta de Deus» ó estilo de Baltazar ¿lembran?, ou coma Donato (para que non se me piquen os outros)... Moitas voltas lle din ata que unha tarde, non sei por que, fóiseme clarexando: a frase non lle caía tan mal a Mato. E así, en torno a esa frase, fun xuntando recordos de hai máis de corenta anos.
Citius, máis rápido, dicíase dos corredores. En corenta anos, endexamais vin a Mato enfermo, nin sequera parado; sempre argallando algo, unha canción, un artigo para o diario, un programa de radio, animando unha xuntanza, enlazando cantigas unha tras outra coa mesma naturalidade da corrente do río por Portomarín; rápido coma unha centella cando alguén chamaba por el. Debe ter un corazón ben forte para aguantar ese ritmo... e para levalo na man cando alguén precisaba da súa axuda. Sempre citius, sempre pronto.
Altius, máis alto dicíase dos saltadores. E non o digo polos 2000 m de altura desa montaña que el percorre todos os domingos no seu labor pastoral, senón sobre todo pola ilusión que lle pon, ilusión que non esmorece coa neve nin se paraliza co frío, nin se afoga cos problemas.
Mato é un soñador. Non sei como fai para atopar sempre esa parte boa que se esconde nas cousas malas. Gústame esa case inxenuidade para ver en positivo; nunca o atopei desanimado, nunca confuso, e menos derrotado. Sempre altius, sempre arriba.
Fortius, máis forte, dicíase dos loitadores en xogos de combate. Supoño que Mato endexamais gañaría unha medalla nunha loita greco romana. Seguramente non, porque os músculos de Mato non se ven, a súa forza está no seu interior; aí é onde el gaña os combates. É un todoterreo, ten peito para todo, nada o bota atrás, sempre a punto cando se
trata de aguantar, sempre buscando o mellor de cada situación, sempre conseguindo máis do posible. Un sorriso seu expresa serenidade, ningunha dificultade é quen de poder con el. Endexamais vin a Mato nervioso, non sei de onde lle ven esa tranquilidade que aparenta, pero sei que non é por prepotencia, senón por espontaneidade. Por iso tamén lle cae ben o de sempre fortius, sempre forte.
Xesús, xa sabes, para min es un atleta do espírito. E vanche ben as palabras de San Paulo: «Fixen unha boa competición, cheguei á meta da carreira, conservei a fe; agóra agárdame unha coroa de xustiza» (2 Tim 4,7-8).
Adiante, campión.
Con toda admiración.