BENVIDO AO VERDADEIRO PARAISO TERREAL

Os que somos Independentistas e Nacionalistas da nosa tribu -eu so penso en e para Sober-, e presumimos de nacer e vivir no verdadeiro e único paraiso terreal; e ao tempo fardamos de ter todo o mellor: viño de Amandi, alfareiros de Gundivós, banda de música, Canon do Sil, rosca de Sober, o máis sobranceiro románico rural, sublimes augardenteiros  e varios centos máis de cousas exclusivas e de primeirisima fila; e ata chegamos a demostrar que entre nos naceu Xesus de Nazaret -mellor dito Xesus de Sober-; non podemos máis que sentir certa envexa de que nalgunha das nosas 22 parroquias non tivera nacido o crego-músico Xesus Mato e Mato. O certo é que non deixa de estranarnos a nós e a moitos millóns máis de seres humanos que un home de tantas inquedanzas culturais e principalmente musicais, non tivera vido ao mundo na nosa tribu. A verdade é que este fillo de labregos, de familia numerosa -foron sete irmans-, non naceu moi lonxe; foi alá por Cabodevila-S an Martiño no concello de Paradela. De todolos modos, eu apostaria que algún ancestro de Xeus Mato era natural do noso Sober.

Este home que se fixo crego en 1958 e que foi Técnico de radiodifusión e redactor en Madrid, asesor relixioso e redactor en Radio Popular de Lugo, fundador e director de Radio Popular de Lalin, fundador e director da Coral Polifonica de Lalin, fundador e coordinador de Auxilia-Lugo, cofundador do Grupo "Fuxan os Ventos" e de "Galicia canta ó Neno", fundador e director dos coros dos colexios Santisimo Sacramento e Eijo y Garay, autor de centos de artigos en diversos medios, conferenciante, tertuliano, narrador, ensaista, poeta, recopilador e difusor da musica galega, arranxista e transcriptor de musica, autor de cancions moi populares como "Fuxan os Ventos" ou "Mencer", profesor de Filosofia, Música e Relixión en diversos colexios e Institutos, director espiritual e asesor do Colexio Menor F. Obispado, que fixo docenas de cursos de formación e que na na actualidade é crego de 6 parroquias na Montaña do Cebreiro; un home de tal calibre humano, de tanta sensibilidade, con tanta sabiduria, tan amigo dos amigos, ..... merece coma ninguen ser un soberino máis.

Xesus Mato ten recibido moitos e merecidos premios como o de "Lucense do ano" en  1991, o "V Premio Moncho Valcarce" en 1998 ou a concesión por unhanimidade no ano 2005 por parte do Concello de Paradela do titulo de  "Fillo Predilecto". Agora polas facultades que me confire a constitución da Republica Independente de Sober e aproveitando que recentemente XESUS MATO e MATO, cumpriu 75 anos de idade e 50 como crego; noméoo SOBERINO ADOPTIVO ILUSTRE, e pasa a quedar empadroado oficialmente no verdadeiro paraiso terreal.

Gracias querido Mato por todo, e benvido a SOBER.