Atopaches a túa auténtica vocación

Todos estamos moi afeitos a escoltar como falan de ti os que te coñecen, do teu compromiso como sacerdote e do teu interese pola cultura galega. Iso énchenos de orgullo, non creas, pero non é o que máis nos achega a ti. Por iso. Xesús, decidimos refrescarche a memoria, levarte ao pasado e dar a coñecer a todos anécdotas de cando, nin pensabas ser cura, nin tiñas inquedanzas intelectuais.

Naquel momento, cando eras un rapaz, aínda non decidirás o teu trituro profesional. Ás veces atraíache o fútbol e xogabas na corga de Cabodevila, aínda que os teus pais rifábanche por non durmir a sesta e por romper os zapatos.

Noutros momentos querías ser pescador. Era tal o teu empeño, que para poder ir pescar axudabas na casa recollendo a leña, por exemplo. Iades ao río, á Abelaira, por debaixo de Aldosende, e faciades "secas" amontoando terróns e baleirando toda a auga encorada, para así deixar a pesca no seco. ¿Recordas que boas estaban as empanadas que facía a Tata coas anguías que colliades?

Noutras ocasións dedicábaste á caza, armando ichós para coller perdices. Ti e os teus irmáns chegastes a ter ata 40 no hórreo, e incluso as vendiades na feira.

Como rapaz que eras, non puideches evitar facer, sempre coa axuda incondicional dos teus irmáns, todas as trasnadas imaxinables. ¿Acórdaste do "tío Berto"? Para os que non o coñecen, hai que dicir que era un home moi paciente, nunca se alteraba. Pero vos estabades empeñados en facelo enfadar, como cando (iades polos fentos e poñiades o carro pico arriba ata que o tío Berto caía ás reboladas; ou cando o mandabades subir ao carro para sobar os fentos e chegabades a cubrilo con eles; ou cando bebíalo leite mazado e mirabades como se lle manchaba o bigote de branco. Con todo isto riádesvos moito, pero non conseguiades o voso obxectivo: nunca se enfadou, o máis que fixo foi botar algún "Carájola".

Podíamos seguir ilustrando esta parte máis descoñecida da túa biografía, sen dúbida. Pero seguramente é mellor que o resto nolo contes ti directamente.

Non che faltaba talento para desenvolver todas estas profesións que fomos relatando. Pero estamos moi agradecidos porque non te deixaches levar polas túas inclinacións futbolísticas, non te decantaches nin pola pesca nin pola caza. O importante é que atopaches a túa auténtica vocación, e estamos seguros de que é auténtica porque te entregaches a ela con compromiso e ilusión.