AQUEL CREGO AO QUE CHAMABAMOS PADRE

Pídenme que me adhira á homenaxe a Xesús Mato con motivo do seu triplo aniversario, os 75 anos de vida, os 50 de ministerio sacerdotal e os 25 exercéndoo na montaña de Lugo. Cumpro con gusto o encargo sabendo que non é doado facer un retrato deste crego, próximo, sinxelo, moi paisano no que ten de coñecemento do home rural, hiperactivo e atropelado no falar que coñecín hai uns corenta anos cando empecei a colaborar con Radio Popular, unha emisora nova, recentemente estreada, moderna na súa concepción, ben montada, que dirixía Benito Vázquez Regueira. Dotada dun cadro de persoal composto por xente moi nova, ilusionada e con moitas ganas de traballar, aparecía polos estudos da agra do Valiño, un colaborador que sendo cura non se lle notaba. Vestía como calquera de nós, ninguén o trataba de don, sempre falaba en galego e, para máis novidade, tiña un grupo de música folk que se chamaba “Fuxan os ventos”. Aquel rara avis sen sotana era o que todos chamaban dun xeito moi especial, con gran respecto e certa veneración como o Padre Mato.

Sinxelo, afable, falador, servizal, respectuoso coa verdade dos demais, moi en contacto coa mocidade e cos problemas sociais daquel tempo, era un crego postconciliar, que sen chegar á tipoloxía do cura progre e contestatario, dicía o que pensaba sen que lle doesen prendas, o que aínda segue facendo hoxe, interesábase polos asuntos inmediatos dos seus fregueses, exercendo de aglutinante entre eles para o desenvolvemento de melloras colectivas nunha zona difícil e deprimida.

Pero, sen dúbida, a faceta do Padre Mato coa que máis me identifico é a do seu traballo como defensor do noso acervo folclórico, recollendo a tradición musical do pobo ao que pertence e serve, dándoo a coñecer a través do seu grupo musical, hoxe de recoñecida traxectoria, ou interesándose pola recuperación do patrimonio etnográfico que se perdía, como os muíños de Busnullán, que anos despois me levou a ver sendo delegado de cultura.

A pesar dos anos, o Padre Mato segue cos seus proxectos, interesado agora en recuperar para a súa publicación un tesouro da nosa tradición musical, “O cancioneiro de Lugo”, que me entregaron as mozas da Sección Feminina, traballo polo que se interesou Filgueira Valverde cando era conselleiro de Cultura para que o publicase a Fundación Barrié. O orixinal extraviouse e agora trata de localizalo ou recompoñelo. ¡Felicidades querido Mato!