Don Xesús chegou a Lalín a finais dos anos 50 rodeado da lóxica expectación que un novo habitante, xa fose xuíz, notario ou cura, podía causar no que daquela era un gran patio de veciños. Non sei se traía grandes maletas, pero podo asegurar que viña cargado de grandes e bos pensamentos.
Diría todo e máis sobre o seu labor en Lalín. Desenvolveu unha inmensa e incansable obra dedicada sempre aos máis necesitados, moveu conciencias e fomentou multitude de iniciativas coas que se soubo achegar a xentes de todas as idades. Claros exemplos foron a creación da coral polifónica –onde se fraguou unha verdadeira irmandade que aínda hoxe se recorda–, ou a xestión da construción de vivendas para os máis humildes, ou, con gran discreción, a resolución de problemas familiares, pois foi quen de levar a paz a numerosos fogares de toda a escala social.
Coa posta en marcha da emisora parroquial contribuiu a alegrar a vida diaria dun típico pobo dos anos 60 e fíxonos pasar inolvidables momentos pendentes da radio para escoitar as novas máis próximas e os discos dedicados.
Pero, por riba de todo, repartiu humanidade e deu unha gran lección de entrega persoal e do que significa ser sacerdote.
Que Deus o bendiga e lle conceda unha longa vida, porque é evidente que alá por onde pase deixará sempre unha fonda e intensa pegada.