75-50-25. Estas son as cifras que marcan a vida de Mato. 75-50-25. A idade, os anos de sacerdocio e o tempo que leva na montaña. 75-50-25. Son as cifras que poden resumir a memoria de Mato. Como as de 90-60-90 son as esixidas para desfilar polas pasarelas de moda. Como 86-61-89 son as de Carla Bruni. Cada un de nós vivimos unidos a unhas cifras que, aínda que en moitos casos non reparemos, marcan as nosas vidas. A idade, o percorrido profesional, o tempo que levamos en parella, ou os anos que transcorreron desde que aquel determinado acontecemento marcou as nosas existencias.
Na vida de Mato, como na de todos nós, quedan outras moitos números, algúns deles na intimidade, que tamén forman parte da biografía, aínda que non sexan tan redondas nin tan recordadas como as que agora se manexan. As outras cifras de Mato, a lo menos as públicas, son as que dedicou a música, as da creación de «Fuxan os Ventos», as das miles de horas dedicadas ós necesitados, as dos amigos; as cifras de Auxilia, as dos anos na Casa de Exercicios, as dos quilómetros de sube e baixa a montaña. As outras, son cifras non tan axustadas, e polo tanto non tan rechamantes, e que por iso, non sempre se lles presta a atención que merecen.
E nesas quixera eu reparar especialmente. As que marcan as súas colaboracións nos medios de comunicación. Non só en Radio Popular de Lugo, onde comezou a colaborar ó tempo que botaba a andar a emisora. Non. Quixera reparar nos centos de columnas que durante anos publicou, primeiro no diario local «El Progreso», e máis tarde en «La Voz de Galicia», na que aínda cada semana se pode atopar o seu «Á beira do Camiño».
Sacerdotes houbo ó largo e ancho da provincia, que agardaban coñecer o contido destas colaboracións xornalísticas de Mato para compoñer a súa homilía dominical. E o reverendo, como sempre lle chamei co respecto, pero tamén co cariño, coa admiración e coa confianza que lle profeso, o reverendo, digo, estivese onde estivese e estea onde estea, cumpre co seu pacto de chegar cada semana cunha columna cargada de compromiso social, de sinceridade persoal e de honradez intelectual a miles e miles de lugueses.
Polo compromiso que mantén, e ó tempo porque, como ben dixo Carlos Fuentes, «si necesitas ser libre, escribe. Porque escribindo, uno es más libre». E o reverendo será todo o reverendo que queiramos, todo o amigo dos amigos e o defensor de misións imposibles que queiramos. Pero, por riba de todo, o reverendo é un home absolutamente libre.
E se de liberdade falamos e de números tamén, estamos obrigados a poñerlle un 10.
Así pois, engadámoslle unha cifra máis ás tres que xa marcan a existencia de Mato. E quedémonos con ese 75-50-25-10.