“MIRANDO Á PERSOA”

Os comezos con Mato non foron do máis afortunado. Coñecín a Don Xesús (naqueles tempos dixéronme que era don Xesús) á saída do Instituto Feminino. Veu a saudarme, sen coñecerme de nada, polo simple feito de ser persoa con diversidade funcional (discapacitada). Aquilo non me gustou. Volveu a encontrarme cando facía Maxisterio e, neste caso, o saúdo resultoume do máis desconcertante. As súas palabras foron: “ti poderías ser interesante para Auxilia”. Non coñecía moito da Asociación e o pouco que sabía non me gustaba porque me soaba todo a compaixón. Aínda lembro outro día en que desde o coche me invitaba a ir a un magosto a Monforte. Eu quedaba pensando... pero este de que vai? Chamaba a atención o seu estilo directo.

Uns compañeiros de Maxisterio faláronme de ir con eles a unhas colonias de verán de Auxilia. Pasado algún tempo souben que algo tivera que ver el nesa invitación. Confeso que aceptei por curiosidade e descubrín unha nova faceta, descubrín o cariño e a simpatía con que o trataban todos. Eu tivera outras oportunidades na vida e a maioría das persoas das colonias aínda tiñan pechadas as portas da integración na sociedade. Na miña loita persoal non compartía o seu paternalismo, pero empecei a entender que Mato pensaba que había que facer algo. Isto levoume a tomar conciencia de que tamén podía e debía loitar polo colectivo. O seu empeño e constancia empezaba a dar froitos xa que moi pronto me propuxo como Coordinadora de Auxilia e tamén a miña entrada na directiva de Auxilia Nacional na que, curiosamente, case non había discapacitados. Falaban de nós, pero sen nós. Aínda agora lembran a Mato polo seu “traspaso”.

Foron moitas as viaxes, as reunións, as loitas e as conversas nas que eu trataba de matizar a diferenza de “traballar para” a “traballar con”, de pasar do paternalismo á solidariedade. Ao mesmo tempo ía descubrindo a súa dispoñibilidade, o seu desprendemento económico, o seu desorde organizado, o seu carácter emprendedor... Pouco a pouco foise afianzando unha sincera amizade na que compartimos misa e programas en Radio Popular, charlas testemuñais na súa querida montaña, cursos bíblicos, parte da vida de Auxilia, amigos, desgustos, actividades do meu traballo... Na miña familia está considerado un membro máis que participa en todos os acontecementos: festas, vodas, bautizos, enterros... Tiven a oportunidade de compartir con el as súas vodas de prata e agora sinto a ledicia de poder compartir tamén os seus cincuenta anos de cura. Parabéns por esa parte central de toda unha vida chea de actividade. Grazas Mato pola túa axuda no difícil camiño da fe e por mirar ao interior das persoas.